Máis de 250 persoas de case unha trintena de países participan desde hoxe na UVigo no Congreso Internacional ParatradIT
Organizado polo Grupo de Investigación Traducción & Paratradución
DUVI 25/03/2026_M.ª del Carmen Echevarría Figueroa
65 relatores e relatoras de sete países e preto de 200 asistentes chegados de máis dunha vintena de puntos do mundo participan desde hoxe a ata o vindeiro venres na segunda edición do Congreso Internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia, ParatradIT, que se celebra na Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo. Organizado polo Grupo de Investigación TI4 Tradución & Paratradución (T&P) da UVigo, en colaboración coas universidades de Córdoba e Alacante, o congreso afondará no estudo das circunstancias sociais, culturais, políticas, pero sobre todo, tecnolóxicas actuais para traducir entre linguas (interlinguas) na era das narrativas transmedia en pantalla e tamén fóra dela.
“Nun momento no que a tradución se enfronta a desafíos como a dixitalización, a intelixencia artificial ou as narrativas transmedia, encontros como este convértense en espazos imprescindibles para pensar xuntos, debater e avanzar”, sinalou o docente e investigador do grupo T&P da UVigo e organizador do congreso Óscar Ferreiro esta mañá na inauguración das sesións. Ferreiro tamén lembrou que ParatradIT ten a súa xénese no congreso techLING celebrado en 2021 e “en menos de cinco anos, fomos quen de organizar tres eventos internacionais, o que dá boa conta do dinamismo, da capacidade de colaboración e da forza deste proxecto”.
Xunto a Ferreiro, os docentes e investigadores do Grupo T&P da UVigo, José Yuste e Ramón Méndez, organizadores do congreso co docente da USC, Enmanuel Claude Bourgoin, destacaron o seu carácter internacional e tamén incidiron na relevancia desta cita académica, agradecendo ademais a participación de relatoras e relatores, así como a das persoas asistentes. Yuste incidiu en que “nos tempos que corren a deshumanización progresiva nas actividades creadoras e recreadoras do exercicio profesional da tradución e a interpretación por mor do abuso das Intelixencias Artificiais (IA), resulta esencial a celebración destes eventos científicos, como II Congreso internacional de Paratradución, Interlinguas e Transmedia (ParatradIT) para o intercambio de ideas e a creación de proxectos de investigación que fundamenten a principal aspiración del Grupo T&P desde os inicios da era digital: propoñer a traducción como resistencia para a construción dun mundo mestizo e mestizante”.
65 relatorios centrados en tres eixos
De xeito presencial e en liña, as persoas asistentes seguirán ata o venres as intervencións dos 65 relatores de China, Arxentina, España, Reino Unido, Francia, Brasil e Portugal, centradas en tres eixos: tradución e interpretación na era dixital, analizando como capitalizar de xeito positivo a (r)evolución dixital, tanto na docencia universitaria, como no exercicio profesional da tradución e a interpretación.; a pedagoxía e a didáctica dixital das linguas; e o uso das intelixencias artificiais no tratamento automático das linguas.
En relación cos contidos relativos á tradución e interpretación na era dixital, os organizadores destacan a importancia de, ante o uso masivo das intelixencias artificiais e das memorias de traducións, reflexionar sobre que significa traducir na era dixital. Entre outros temas, abordarase o papel das memorias de tradución e se a dixitalización das tarefas da tradución está a derivar nunha minusvaloración profesional da figura do tradutor ao convertelo nun mero revisor.
No apartado centrado na pedagoxía e a didáctica dixital das linguas compartiranse os resultados das investigacións e as experiencias diarias da docencia dixital na aula, tanto dende o punto de vista do docente como do estudante. Por último, sobre o uso das intelixencias artificiais no tratamento automático das linguas abordaranse os avances tecnolóxicos da lingüística informática no tratamento automático das linguas, tanto na súa vertente escrita como na oral, así como o diálogo entre a persoa humana e a máquina, sendo unha das ferramentas máis coñecidas a tradución automática.



