A UVigo lanza os seus propios premios nacionais sobre tradución de videoxogos

A UVigo lanza os seus propios premios nacionais sobre tradución de videoxogos

Ademais de recoñecer as mellores producións búscase tamén darlle visibilidade a estes profesionais

Fuente: D. BESADÍO-DUVI –02/12/2021

Ramón Méndez, Óscar Ferreiro, Emmanuel Bourgoin e José Yuste no Museo do Videoxogo, MUVI Foto de @Luciano Cañadas

Premios ETIV-UVigo. A Universidade acaba de facer público o lanzamento da primeira edición duns galardóns cos que a institución académica viguesa recoñecerá cada ano os mellores traballos realizados a nivel nacional sobre tradución de videoxogos, unha iniciativa coa que se pretende non só recoñecer as mellores producións do ano, senón tamén ofrecerlle visibilidade ás persoas que se encargan da localización dos videoxogos, é dicir, de adaptar a unha determinada lingua e cultura un videoxogo, un ámbito que foi gañando relevancia no mundo da tradución debido ao enorme potencial que ten este sector.

Logotipo deseñado para os premios

Os premios ETIV-UVigo nacen da man do grupo de investigación Tradución & Paratradución (T&P), dentro do marco de actividades do Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV) e do Máster en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI), titulación que este verán recibiu o Selo de Excelencia da Xunta de Galicia converténdose así no primeiro título do ámbito humanístico en recibir un recoñecemento deste tipo. O grande éxito de matrícula deste título propio, posto en marcha no curso 2018-2019 co obxectivo de ampliar a formación que se imparte na materia Tradución de videoxogos do MTCI, animounos a dar un paso máis, un novo chanzo que xorde en forma de galardóns. “É a nosa particular maneira de seguir estreitando a relación entre o alumnado e todo este eido profesional”, explica o profesor Óscar Ferreiro, xunto a Ramón Méndez e José Yuste, os tres docentes que iniciaron o proxecto ETIV e ás que, a partir da segunda edición, se incorporou Emmanuel Bourgoin.

“Búscase recoñecer o bo traballo profesional das persoas do oficio da localización de videoxogos, un eido de grande relevancia na actualidade que é xa un mercado profesional de elevada capacidade empregadora, porque o desenvolvemento dun videoxogo involucra, segundo o caso, non só a unha persoa senón ata un milleiro delas”, explican na web dos premios, ao que engaden que o eido da localización adoita ser un dos máis descoñecidos, malia a importancia que posúa a correcta adaptación do produto orixinal ás diferentes linguas e culturas meta.

7 categorías, incluídos os mellores xogos en galego, catalán e éuscaro

Os premios ETIV-UVigo nacen con sete categorías e a idea é que cada primavera a Universidade celebre unha gran gala final de entrega de galardóns. Entregaranse premios á Mellor localización de xogo con dobraxe, aqueles que conten cunha localización completa que inclúa dobraxe; mellor localización de xogo sen dobraxe, aqueles con localización parcial na que a dobraxe estea dispoñible noutra lingua ou, simplemente, que non teñan dobraxe; mellor localización de xogo indie, é dicir, para os xogos de estudos de desenvolvemento medianos ou pequenos; xogo máis accesible e, por último, outras tres categorías nas que se premiará os mellores xogos traducidos ao galego, ao catalán e ao éuscaro.

Poderán ser nomeados todos os xogos lanzados ao mercado entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021 e as persoas gañadoras recibirán, segundo se indicou desde a Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais, cadanseu agasallo conmemorativo cuxo deseño será tamén decidido nun concurso interno entre o alumnado da UVigo.

Votación pública e xurado profesional

Coa intención de que os premios ETIV-UVIGO gocen da maior transparencia posible, o proceso constará de tres fases: unha inicial de votación pública; unha segunda, na que o xurado será o alumnado do ETIV, e unha fase final cun xurado composto por persoas profesionais da prensa especializada e profesorado universitario de tradución. “A primeira fase está aberta a todo o mundo que desexe participar no nomeamento dos seus títulos favoritos do ano”, explican desde a organización, ao que engaden que isto é posible grazas ao asesoramento de DoblajeVideojuegos, a maior base de datos de videoxogos dobrados ao español, e a cadencia de votación irá en paralelo coas da primeira fase dos seus premios anuais. “As persoas interesadas en participar poderán escoller algún dos xogos xa introducidos na plataforma (grazas á base de datos facilitada pola revista GameReactor), ou ben engadir algún outro non presente na base de datos”, recalcan os organizadores.

Unha vez que se determinen os dez xogos nomeados en cada categoría, dará comezo a segunda fase, na que o alumnado do título de especialista será o encargado de  escoller os tres títulos finalistas de cada unha delas, para que xa logo, na fase final, sexa o xurado profesional o que elixa os traballos gañadores. Tal e como se salienta na web dos premios, “os xurados están compostos por tanta xente da prensa coma profesorado universitario, de tal xeito que haberá dous puntos de vista: o das persoas expertas do mundo do videoxogo que saiban recoñecer que é o que mellor se adapta ao produto en cuestión; e o dos profesionais académicos do mundo da tradución que saiban recoñecer as complexidades e dificultades propias do proceso de localización”.

Outras actividades ETIV

Ao marxe deste premio, e como exemplo das actividades organizadas con regularidade desde a coordinación do máster e do título propio ETIV, este xoves celebrouse na Facultade de Filoloxía e Tradución a conferencia Tradución biomédica e farmacéutica: Para quen? O que? Como? Onde?, impartida por Tomás Pérez Pazos, licenciado en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo (promoción 1999-2004).

Óscar Ferreiro e Tomás Pérez na conferencia deste xoves na Facultade de Filoloxía e Tradución

Experto na tradución de textos biomédicos e farmacéuticos, Pérez Pazos compartiu co alumnado da facultade a súa experiencia profesional, unha traxectoria na que destacan a tradución de artigos biomédicos e farmacéuticos, manuais médicos e de enfermaría para editoriais e revistas especializadas, documentación de centos de aparatos biomédicos, un bo número de ensaios clínicos e todo un mundo de fichas técnicas e etiquetas de medicamentos, entre outras moitas tarefas (ensaios clínicos, patentes, cuestionarios médicos…).

Tomás Pérez Pazos compartiu co alumnado da facultade a súa experiencia como tradutor especializado en medicina e farmacia

Otros medios que también recogen la buena noticia de los Premios ETIV-UVigo

 

 

 

 

 

 

 

 

  • La traducción de videojuegos se abre paso en la UVigo
    ATLÁNTICO–08/12/2021

    José Yuste, Óscar Ferreiro, Ramón Méndez y Emmanuel Bourgoin en el Museo do Videoxogo, MUVI. Foto de @Luciano Cañadas

    El artículo en formato HTML en la web de Atlántico
    La versión PDF del artículo

 

 

NADIE HA COMENTADO AUN.

Escriba un comentario