21 finalistas na I.ª edición dos Premios ETIV-UVigo á localización de videoxogos

21 finalistas na I.ª edición dos Premios ETIV-UVigo á localización de videoxogos

A entrega de galardóns será o 6 de maio nunha gala no edificio Redeiras

21 finalistas na primeira edición dos premios ETIV-UVigo á localización de videoxogos

Distribuídos en sete categorías, recoñeceranse os mellores xogos en galego, catalán e éuscaro

Ramón Méndez, Óscar Ferreiro, Emmanuel Bourgoin e José Yuste no Museo do Videoxogo MUVI_Foto de @Luciano Cañadas

D. BESADÍO  DUVI  26/04/2022

Xa son públicos os 21 finalistas da I edición dos premios ETIV-UVigo á localización de videoxogos, tres por cada unha das sete categorías galardoadas: mellor xogo en galego, mellor xogo en catalán, mellor xogo en éuscaro, xogo máis accesible, mellor localización de xogo con dobraxe, mellor localización de xogo sen dobraxe e mellor localización de xogo indie. As propostas gañadoras daranse a coñecer nunha gala final de entrega de premios que se celebrará o vindeiro venres 6 de maio ás 11.00 horas no edificio Redeiras, un acto que será retransmitido en liña e ao que xa está confirmada a participación de xeito presencial de máis de 40 persoas, incluídos numerosos profesionais relacionados coa industria do sector dos videoxogos.

Con estes premios a institución académica viguesa recoñecerá cada ano os mellores traballos realizados a nivel nacional sobre tradución de videoxogos. “Participan todos os xogos que se localizaron e se puxeron á venda ao longo do ano anterior”, explica o profesor Óscar Ferreiro, un dos catros docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución implicado nun proxecto que chega da man do grupo de investigación Tradución & Paratradución (T&P) e dentro do marco de actividades do Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV) e do Máster en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI). Ferreiro, xunto a Ramón Méndez, José Yuste e Emmanuel Bourgoin, propuxeron a posta en marcha destes premios con tres obxectivos prioritarios. “O primeiro é o de recoñecer o traballo de todas as persoas que se dedican profesionalmente á localización de videoxogos; o segundo, darlle visibilidade a cada unha desas persoas e deste xeito apoialas nas súa reivindicacións, como a de acreditar adecuadamente o seu labor en cada un dos produtos localizados. O terceiro e derradeiro obxectivo é darlle un pulo ás linguas propias das diferentes comunidades históricas, de aí que se creara unha categoría específica para cadansúa lingua”, recalca Ferreiro. 

Coa intención de que os premios ETIV-UVIGO gocen da maior transparencia posible, o proceso de selección de finalistas consta de tres fases: unha fase inicial de votación pública, que arrancou en decembro de 2021;  un segundo chanzo, cun xurado composto polo alumnado do ETIV, que se prolongou de xaneiro a marzo; e unha fase final, que arrancou este mesmo mes e rematará co fallo final que se dará a coñecer na propia gala ,  que corre a cargo dun xurado composto por profesionais da prensa especializada e profesorado universitario de tradución. 

Finalistas dos mellores videoxogos con dobraxe, sen dobraxe e indies

Na categoría de mellor localización de xogo con dobraxe, aqueles que contan cunha localización completa, os finalistas son: Ratchet & Clank: Una dimensión aparte, un videoxogo lanzado en exclusiva para PlayStation 5 desenvolto por Insomniac Games e distribuído por Sony Interactive Entertainment; Jurassic World Alive 2, un videoxogo para dispositivos móbiles no que, ao estilo Pokemon Go, se poden percorrer as rúas dunha cidade para perseguir dinosauros e Wario Ware Get It, desenvolto conxuntamente por Nintendo EPD e Intelligent Systems para Nintendo Switch.

O premio á mellor localización de xogo sen dobraxe disputarase entre Life is Strange: True Colors, un videoxogo episódico de aventura gráfica desenvolto por Deck Nine e publicado por Square Enix; It takes two, xogo de plataformas de acción e aventura desenvolto por Hazelight Studios e publicado por Electronic Arts; e Psychonauts 2, videoxogo de plataformas desenvolto por Double Fine, publicado por Xbox Game Studios.

Na categoría mellor localización de xogo indie, é dicir, xogos de estudos de desenvolvemento medianos ou pequenos, os finalistas son: Doki Doki Literature Club+, novela visual desenvolta por Team Salvato; a aventura detectivesca Backbone, e o videoxogo independente de humor negro Cyanide & Happiness: Freakpocalypse.

Mellores xogos en galego, catalán e éuscaro

Á hora de premiar os mellores xogos en galego o xurado terá que elixir entre Super Woden GP, do estudo vigués ViJuDa, fundado en 2020; Ruin Raider, con textos ao galego de María de la Saleta González e Iago Nicolás Ballesteros, e Sword of the Necromancer, traducido ao galego por Inés Mirás.

No caso dos mellores videoxogos traducidos ao catalán, os galardóns disputaranse entre: Super Woden GPAragami 2 e Sword of the Necromancer, neste caso traducido ao catalán por Irene Lobato e Víctor Pedreño. En éuscaro, a disputa será entre Forgotten JourneySpace Revenge e Nuclear Corps.

Recoñecemento para o videoxogo máis accesible

Se ben todas as compañías semellan comprometidas con facer videoxogos cada vez máis accesibles, nesta primeira edición dos premios o xurado destacará un dos seguintes traballos como o máis accesible de 2021: Forza Horizon 5, que inclúe intérpretes en lingua de signos; Marvel – Guardians of the Galaxy, no que se empregan varios indicadores adicionais para transmitir información e It takes two, opción que dispón tamén dun menú do que se poden despregar diferentes opcións de accesibilidade (desde o enfoque en texto a voz, subtítulos, diferentes configuracións de cámara…).

NADIE HA COMENTADO AUN.

Escriba un comentario