Lanzamento da 2ª edición dos premios nacionais ETIV-UVigo

Lanzamento da 2ª edición dos premios nacionais ETIV-UVigo

Co lanzamento da 2.ª edición dos premios nacionais ETIV-UVigo

 

Arranca a busca dos mellores videoxogos de 2022 dobrados ao español, galego, catalán e éuscaro

 

Durante unha semana todas as persoas interesadas poden votar as súas opcións favoritas

 

Lanzáronse hai apenas un ano e xa nesa primeira edición acadaron un notable éxito. “Nesta segunda convocatoria agardamos chegar aínda máis lonxe, de feito xa se puxeron en contacto con nós múltiples profesionais de empresas que desenvolven xogos preguntándonos se este ano se ían convocar os premios”, explica o profesor Óscar Ferreiro. A localización dos videoxogos é un dos eidos máis descoñecidos dun inmenso mercado profesional que non para de medrar. Trátase, tal e como indican na propia web dos galardóns, dun sector de gran capacidade empregadora, xa que o desenvolvemento dun videoxogo involucra, segundo o caso, desde unha única persoa ata un milleiro delas. Neste aspecto, “o eido da localización adoita ser un dos máis descoñecidos, malia a grande importancia que posúe a correcta adaptación do produto orixinal ás linguas meta”, salientan os organizadores, ao tempo que lembran que esta iniciativa xorde do grupo de investigación Tradución & Paratradución (T&P), dentro do marco de actividades do Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV) e do Máster en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI), título con Mención de Excelencia da Xunta de Galicia.

Pasarán á 2ª fase os dez títulos máis votados en cada categoría

O proceso de selección dos títulos finalistas consta de tres fases. A primeira, de votación pública e que arranca hoxe, está aberta a todo o mundo que desexe participar no nomeamento dos seus títulos favoritos do ano. “Isto é posible grazas ao asesoramento de DoblajeVideojuegos e a cadencia de votación irá en paralelo coas da primeira fase dos seus premios anuais”, explican desde a organización. As persoas interesadas en participar poderán escoller algún dos xogos xa introducidos na plataforma -grazas á base de datos facilitada pola revista GameReactor-, ou ben engadir algún outro non presente na base de datos. Desta primeira fase sairán elixidos os dez títulos máis votados polas persoas usuarias en cada unha das categorías, que serán os que pasen á segunda fase.

Nesa segunda fase será o alumnado do Título de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV) o que se encargue de escoller os tres títulos finalistas. Finalmente, xa na terceira fase, será un xurado composto por persoas profesionais da prensa especializada e profesorado universitario de tradución o que se encargue de elixir a proposta gañadora en cada unha das categorías, títulos que se darán a coñecer nunha gran gala final, cuxa data de celebración está sen determinar pero que será neste primeiro semestre do ano.

Sete categorías, incluído mellor xogo en galego

Ao igual ca na primeira edición, os premios convócanse en sete categorías: Mellor localización de xogo con dobraxe, dirixida a todos os xogos que conten cunha localización completa que inclúa dobraxe; Mellor localización de xogo sen dobraxe, para aqueles títulos que conten cunha localización parcial na que a dobraxe estea dispoñible noutra lingua ou, simplemente, que non teñan dobraxe; Mellor localización de xogo indie, onde entran os títulos de estudos de desenvolvemento medianos ou pequenos; Xogo máis accesible, categoría na que se premia a accesibilidade; Mellor xogo en galego, ao mellor xogo en lingua galega, xa sexa mediante tradución ou escritura directa do estudo de desenvolvemento e, de igual maneira, Mellor xogo en catalán e Mellor xogo en éuscaro.

NADIE HA COMENTADO AUN.

Escriba un comentario