A nova campaña de comunicación é 100% UVigo

A nova campaña de comunicación é 100% UVigo

DUVI  08/06/2023

100% UVigo. Así é a campaña de comunicación da Universidade de Vigo para o 2023, toda unha serie de mensaxes e imaxes “moi positivos e vitalistas” cos que a institución académica viguesa busca destacar todos aqueles elementos que lle dan identidade como universidade: creatividade, internacionalización, deporte, cultura, diversidade, investigación, transparencia, sostibilidade, innovación, transferencia, docencia, galego, dixitalización e excelencia.

Para logralo un ano máis botouse man dos propios membros da comunidade universitaria: unha estudante, un investigador e un docente. En cada unha das pezas o espectador ou espectadora pode observar como as persoas xogan con caixas rotuladas co logotipo da institución nas cores representativas de cada campus. “Cos seus diferentes tamaños, estas simbolizan toda a ilusión e o futuro e agochan agasallos sorprendentes outorgados pola educación, ademais de representar as etapas posibles na carreira académica, diversas en opción e en responsabilidade”, explica a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, quen destaca que, na mesma liña de comunicación ca en anos anteriores, se busca “reflectir e representar a matriz do relato no que a personalidade da Universidade de Vigo é a suma das nosas mellores características como persoas diversas que nos converten en 100% UVigo”.

Dirixida ás moza e mozos de entre 17 e 23 anos

Dirixida fundamentalmente ás mozas e mozos galegos de entre 17 e 23 anos, a nova campaña desenvolverase entre os meses de xuño e xullo co obxectivo de posicionar a Universidade de Vigo como primeira opción do estudantado para realizar os seus estudos universitarios. Para xerar a máxima cobertura posible, a Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais segue apostando polos medios dixitais e a publicidade exterior: “Internet permite capacidade de segmentación, medición en tempo real e un baixo custo por impacto; en canto á publicidade exterior, esta achega cobertura, notoriedade e visibilidade, así como segmentación xeográfica”, recalca a vicerreitora.

De acordo coas datas das convocatorias ordinaria e extraordinaria da ABAU e cos períodos clave das buscas de carreiras universitarias e de matriculacións, a campaña dixital estrutúrase en dúas fases. A primeira, do 13 ao 30 de xuño, centrarase na promoción da marca (branding) a través da creatividades da campaña con acceso a toda a información complementaria no portal institucional para as persoas interesadas. Para isto, empregaranse anuncios con funcións avanzadas como vídeo, son ou outros elementos para atraer o público obxectivo e conseguir interacción (rich media) en compra programática e contextual, e tamén as redes sociais de Instagram, Youtube, TikTok, Spotify e Twitch. A segunda, do 18 ao 29 de xullo, estará máis focalizada en reforzar a mensaxe inicial.

De maneira complementaria, ao longo destes dous meses seguirase apostando pola publicidade exterior nos autobuses de Ourense, Pontevedra e Vigo. “Polo seu dinamismo e tamaño os autobuses son o soporte máis visto polo público: son un formato moi eficaz que non pasa desapercibido, ofrecen unha gran notoriedade debido ao seu tamaño e a que están en continuo movemento”, recalca Valderrama. Ademais destas accións, a campaña compartirase de xeito orgánico nos medios sociais institucionais (Facebook, Instagram, LinkedIN, Twitter e Youtube), así como a través de cartelaría impresa e pantalla informativas de todos os centros da universidade e autobuses do seu parque móbil.

 

NADIE HA COMENTADO AUN.

Escriba un comentario